16/03/2026
🟡 Hai tempo que José Luis Fernández Rodríguez (Xudán, A Pontenova, 1969) gañou o título de imprescindible no Ribadeo FC, malia que xamais marcou un gol. «Nunca ao fútbol xoguei. Só algo na escola, e poñíame de porteiro ou defensa», confesa un home que desde o 2015-2016 se entrega á causa como utillero e delegado dun dos clubs máis clásicos de Galicia. «Aínda era presidente Víctor López e xogabamos en Terceira División cando me animaron a entrar na directiva e empecei a facer de delegado. Ao ano seguinte xa entrou Ana Vázquez e durante eses anos fun segundo delegado porque estaba Nicasio Castañal, e xa desde o 2020 con Pedro Posada fun primeiro delegado e seguín cando entrou no 2024-2025 Valentín Coto», explica.
Perdería catro partidos en máis de dez anos. Por algunha voda ou funeral, pouco máis. Senón, sempre estou aí, apunta un home cuxos vínculos persoais con directivos, adestradores e xogadores o foron convertendo «nun forofo» dun equipo que trata de emerxer desde a Primeira Futgal. «Non tiña ningún vínculo co club nin con este deporte, máis que vir a algún partido solto, ata que entrei na directiva, pero agora se non hai fútbol parece que me falta algo. Sufro moitísimo, pero tamén me sinto moi valorado. O outro día Pablo Castrín dicíame que, se non existira, había que inventarme. Dinmo os xogadores cada pouco»,
Lucho, como o chaman cariñosamente, adica moitas horas ao benestar do equipo: «Ata este ano, ademais de ser delegado nos partidos, laváballes a roupa dos adestramentos e leváballes o material, tanto se era aquí na Devesa como en Foz. Agora só o fago nos partidos porque durante a semana se encarga Nicasio. Se imos en bus, ben, senón levo todo no meu coche». En 11 tempadas apenas lle poden botar en cara un par de erros: «Dunha volta esquecín as setas e outra, nun día moi feo de inverno, os chaquetóns. Teño unha listaxe para levar todo controlado».
Fuente: La Voz de Galicia