25/11/2025
Hoxe é o día internacional contra as violencias de xénero. Necesitámolo máis que nunca. Ou tanto coma sempre. Avanzamos, mais lembremos que non queremos dar nin un paso atrás.
Necesitamos dunha educación pública de calidade que contrarrestre outros instrumentos de poder que invisibilizan ou directamente negan a necesidade dun día coma o de hoxe. Un sistema que eduque na igualdade, no respecto, nos coidados, na corresponsabilidade neses coidados, no bo trato, na compaixón.
Precisamos tomar consciencia de que as violencias, ás veces, poden ser máis sutís, pero seguen a existir e seguen a ser violencias que forman parte dun continuo. Comentarios despectivos, desprecios, negación de espazos, usurpación da palabra, desprezo de opinións, deslexitimización de logros, minimización do coñecemento, miradas de cosificación, invalidación dos nosos sentimentos e incomodidades, (in)validación a través do corpo…
Un continuo que vai aumentando a carga da violencia e do control, até chegar as ameazas, as agresións físicas e, finalmente, ao asasinato. Porque si, no 2025, seguen a matarnos polo feito de seren mulleres. Neste ano van 38 mulleres e 20 crianzas orfas.
Hoxe, 25 N, e sempre: querémonos libres, querémonos vivas. 💪🏽💪🏽